Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña
Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..
20 de novembro de 2017
O Concello investirá 320.000 euros nesta liña de subvencións, que se outorgarán a través dun procedemento de concorrencia competitiva, e no que poderán participar asociacións, clubs, fundacións ou federacións
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abrirá mañá a convocatoria de subvencións destinadas á promoción e o fomento do deporte na Coruña. O procedemento, aberto a entidades locais sen ánimo de lucro, ten como obxectivo conceder axudas económicas por un valor total de 320.000 euros para fomentar e promocionar a práctica deportiva no termo municipal durante o presente exercicio. As iniciativas que poderán ser obxecto da subvención son aquelas vinculadas á programación de actividades deportivas reguladas en competicións, mellora da condición física ou do desenvolvemento integral das persoas usuarias, promoción do deporte en diversos sectores sociais, fomento de deportes tradicionais ou vinculados á natureza, así como á organización de actividades deportivas de carácter extraordinario.
Cada entidade poderá solicitar axudas para unha ou varias actividades que se desenvolvan no presente exercicio 2017 --do 1 de xaneiro ao 31 de decembro-- a través dunha única solicitude, aínda que se deberá especificar o contido de cada proposta de xeito independente. O importe máximo do orzamento susceptible de ser subvencionado --aqueles gastos vinculados o persoal, equipamento, desprazamentos ou de actividade federativa, entre outros-- será do 95% do total do presuposto da actividade, polo que a entidade beneficiaria deberá achegar o 5% restante do orzamento, que poderá constituírse polas achegas procedentes da propia asociación ou club, ou doutras persoas ou entidades públicas e privadas. A este respecto, o Servizo Municipal de Deportes sinala nas bases da convocatoria que esta liña de axudas é compatible con outras de entidades pública ou privadas.
As asociacións, clubs, federacións, fundacións ou demais entidades sen ánimo de lucro que queiran optar á presente convocatoria, ademais de levar a cabo dita programación durante este 2017, deberán ter a súa sede social na Coruña ou atoparse ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, entre outras cuestións. Entre a documentación que se debe presentar, está a da propia entidade --no caso de formar parte do Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas (REMAC), tan só o número--, a memoria explicativa da actividade ou a previsión de ingresos e gastos da mesma.
O prazo de presentación de propostas estará aberto desde mañá, martes 21, e até o 5 de decembro. A solicitude poderá presentarse, preferentemente, no rexistro municipal do Pazo dos Deportes, de luns a venres, de 08.00 a 14.00 horas. As bases pódense consultar na páxina web de Deportes, www.coruna.gal/deportes
/portal/gl/cidade/deportes/convocatoria-de-subvencions-deportes-2017
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible